Sunday 05 de May de 2024

Noia aproba por unanimidade un novo calendario fiscal que apraza un mes e amplía o prazo de pago de todos os impostos e taxas


Freire asegura que “é unha primeira actuación que irá acompañada doutras medidas que adoptaremos en próximas reunións”
A Comisión de Seguimento da Evolución do COVID-19 do Concello de
Noia acordou hoxe por unanimidade un novo calendario fiscal para o exercicio 2020 que
supón aprazar un mes e ampliar o prazo de pago de impostos e taxas municipais. Unha
comisión presidida polo alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón, e na que están presentes os
voceiros de todos os grupos políticos municipais e os xefes da Policía Local e Protección
Civil.
Despois de analizar as accións que se están a levar a cabo e as que están previsto acometer na
loita contra o coronavirus COVID-19, a Comisión aprobou por unanimidade un novo
calendario fiscal diante dunha crise sanitaria que está tamén afectando á liquidez tanto das
familias como do tecido produtivo local. “Atrasaremos un mes o inicio do devengo de todas
as taxas e impostos e tamén plantexamos unha ampliación do prazo para facer efectivo o
pago. Por exemplo, o imposto de vehículos agora cobrarase un mes máis tarde e haberá tres
meses para facelo efectivo, e non dous como ata agora”, exemplifica Freire Abeijón.
O alcalde de Noia explica que “este calendario fiscal acordado por unanimidade é só unha
primeira actuación, que irá acompañada doutras medidas que adoptaremos en próximas
reunións. Hoxe todos os grupos fixeron distintas propostas que serán trasladadas aos servizos
técnicos de Intervención e Tesourería para que estuden e informen sobre se teñen encaixe
legal”. Neste sentido, Santiago Freire apunta que “xa traballamos nunha ordenanza que
permita o fraccionamento dos pagos, cousa que a día de hoxe non se podería facer”.
No calendario fiscal aprobado hoxe, que en ningún caso comezará a aplicarse antes do mes
de xuño, figuran taxas públicas como ocupación da vía pública (carteis publicitarios, vados
permanentes, quioscos e materiais), ocupación do subchán, chan e voo da vía pública do ano
2019; das taxas de subministro de auga, saneamento e depuración de augas residuais dos
dous semestres de 2020; e das taxas aos postos de venda ambulante (nos seus distintos
trimestres de 2020). Tamén se apraza o cobro do imposto sobre vehículos de tracción
mecánica 2020 e o Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) rústicos, urbanos e de características
especiais de 2020.